|
A Vila de Silleda, é desde 1853, a capital
da Terra de Trasdeza. Anos antes, a capital do
concello estivo en Chapa, Escuadro e O Foxo (foto
inferior), lugares de certa importancia ata principios
do século pasado, en que a nacente vila,
gracias ás suas feiras, melloras nas comunicacións
e inquietude emprendedora das súas xentes,
acadou un increíble desenvolvemento. Nos
últimos vintecinco anos, o progreso do
sector agrario, a Feira Internacional de Galicia
coa Semana Verde de abandeirada, a Lonxa Agropecuaria
de Galicia e todo o complexo feiral, sede dos
máis importantes colectivos Agrarios da
Comunidade Galega, (Forestal, Flor, Gandeiría,
Mel, Leite e Turismo Rural...) consolidaron e
impulsaron o seu crecemento, tanto no seu volume
de edificación como no número de
habitantes.
Formada a principios do S. XIX, a primeira
mención de Silleda aparece no S.XVII
como denominación dunha das freguesías
da xurisdicción de Trasdeza e xa no S.
XVIII celebraba concorridas feiras o 18 de cada
mes, pasando posteriormente a facelo os días
6 e 23.
A súa igrexa adicada a Sta Baia existía
antes do ano mil e xa co nome de Exilieta
figura nunha doazón feita ó bispo
Don Pelaio de Lugo no 998. Así mesmo
aparece con ese nome entre as favorecidas no
testamento de Teresa Sánchez de Gres,
no ano 1395. 


|